viernes, 30 de julio de 2010

G.D Joane 0-4 R.C Celta

Crónica :

O Celta goleou o Joane no seu primeiro partido de preparación cunha enorme solvencia, moita orde e unha grande entrega. Os celestes, a pesar da súa curta preparación, ofreceron espectáculo en moitas fases. Michu, Trashorras, David e Iago Aspas foron os goleadores.

As primeiras sensacións futbolísticas da pretempada foron positivas. O Celta compareceu ordenado, con moita paciencia na circulación do coiro e unha notable aceleración arriba. Sempre co condicionante, notable, da escasa preparación física e o cansazo acumulado.

As chegadas celestes comezaron a producirse deseguida cun bo disparo dende a frontal de Bustos e un centro de Víctor que un defensor desviou con apuros a saque de esquina.

O Celta, con Jonathan Vila como central e Michu de segundo punta detrás de Papadopouolos, se apoderou do coiro dende o inicio. Moveuno con soltura, recuperouno con prestancia e xerou ocasións de xeito continuado. Dani Abalo a punto estivo de marcar aos 11 minutos tras unha gran parede con Trashorras, pero o meta rival logrou desviar o seu disparo, case sen ángulo.

O Joane foise metendo atrás, cedendo ao pulo celeste, refuxiándose na súa área. Aos 16 minutos, o dominio frutificou. Parede entre Trashorras e Dani Abalo, carreira do extremo e pase perfecto atrás cara a Michu, quen controlou e anotou dende a frontal.

Papadopoulos lanzou despois desviado tras outra boa aproximación celeste. E aproveitou a seguinte, aínda que o seu gol, cabezada a centro de Dani Abalo, foi anulado por fóra de xogo. Outro tanto de Michu, aos 28 minutos rematou de idéntico xeito. Non subiu ao marcador por fóra de xogo.

Si chegou, subiu e marabillou Trashorras cun golazo. O de Rábade recolleu o coiro no pico da área e, de primeiras, colocouno na escuadra cunha rosca perfecta. A superioridade celeste era absoluta, nas dúas áreas. Os de Paco Herrera xogaban con orde solvencia e unha enorme comodidade. O terceiro puido chegar tras un xenial taconazo de Michu a Papadopoulos, quen non puido superar ao porteiro no man a man.

Papadopoulos, moi activo e totalmente carente de fortuna, estrelou no tramo final un remate no pau tras un rexeitamento do porteiro

Tras o descanso, o Celta compareceu cun once diferente, coas tres fichaxes desta tempada e varios canteiráns. A paisaxe do partido non cambiou en absoluto e os célticos dominaban con grande autoridade.

Os vigueses acumularon chegadas por banda, con boa velocidade na circulación e moita mobilidade. Tras unha preciosa xogada entre Joan Tomás, Víctor Fernández e Iago Aspas, David anotou o terceiro ao recoller un balón morto na área pequena.

O Joane era incapaz de saír da súa área e proseguía a exhibición celeste. Aos 21 minutos, penalti do porteiro sobre David. Lanzou Iago Aspas e anotou, raso, pegado ao pau dereito do gardameta.

O Celta, ademais de goles, ofreceu en moitas fases, un xogo brillante, con xogadas espectaculares. Como a que rematou en penalti a Joan Tomás, quen lanzou e detivo o porteiro xa no desconto.


FICHA TÉCNICA

0-G.D. Joane: Campos, Gil, Zé Pedro, André Campos, Capucho, Hugo Matos, Miguel Lemos, Pedro, Pedro Pinto, Hélder e Vidal. Tambén xogaron Sergio, Bruno, Sócrates, André, Miranda, Antonio, Víctor Hugo, Joao Ribeiro e Daniel.

4-R.C. Celta: Yoel, Víctor, Jonathan Vila, Túñez, Roberto Lago, Bustos, Trashorras, Dani Abalo, Toni, Michu e Papadopoulos. Tras o descanso xogaron Falcón, Carlos David, Ortega, Catalá, Víctor Fernández, López Garai, Álex, De Lucas, Joan Tomás, Iago Aspas, David e Mateo.

Goles: 0-1, min.16: Michu; 0-2, min.30: Trashorras; 0-3, min.58: David; 0-4, min.67: Iago Aspas, de penalti.

Árbitro: Jorge Brito. Amoestou a De Lucas

Campo: Estadio de Melgaço.

No hay comentarios:

Publicar un comentario